A biblioteca do Seminario Maior San Xosé/Instituto Teolóxico San Xosé comeza a súa andaina co curso académico 1959-1960, data do acto inaugural polo Bispo Fr. José López Ortiz. Os comezos desta biblioteca foron un pouco difíciles. Pretendíase facer o traslado (dunha parte do fondo bibliográfico: libros e revistas relacionados cos estudos de Teoloxía e Filosofía) da biblioteca do Seminario Menor de Tui á nova biblioteca de Vigo, pero a oposición da corporación municipal que rexía naquel momento foi contraria a ese traslado alegando o carácter de Biblioteca pública da mesma.
Este problema inicial quedou resolto polo Bispo Fr. José López Ortiz que dispuxo a colección da Biblioteca do Palacio Episcopal para a nova biblioteca do Seminario Maior. Todo este fondo bibliográfico pódese consultar no Catálogo-Inventario elaborado en 1938 e que se garda na biblioteca. Tras esta primeira gran achega a biblioteca continuou crecendo ao longo de todos estes anos grazas á multitude de doazóns procedentes de institucións e de particulares, ás que se suman os investimentos que levan realizando cada ano e que permiten manter un fondo actualizado. Estas vías de adquisición enriquecen a colección bibliográfica con documentos de moi diversa temática e disciplinas do saber.
Na actualidade, a biblioteca rexistra un volume de aproximadamente 70.000 exemplares catalogados (manuais, libros antigos, folletos, etc.), moitos deles de gran valor patrimonial rexistrados no Catálogo Colectivo de Patrimonio Bibliográfico Español.
A biblioteca conta cunha importante sección de Hemeroteca (publicación periódicas) na que se contabilizan máis de 1.200 títulos (subscricións abertas, pechadas e de intercambio coa revista ” Telmus” Anuario do Instituto Teolóxico/Seminario Maior San Xosé). Todo este fondo bibliográfico está ao servizo do alumnado e profesorado e de todos aqueles investigadores que así o soliciten, seguindo as normas de consulta e préstamo que rexen esta biblioteca.
Toda esta tarefa de recompilación, conservación e mantemento está intrínsecamente vinculada á figura e labor de Antonio Hernández Matías, o primeiro bibliotecario e impulsor desta biblioteca. Grazas ao seu valioso labor, cuns comezos modestos e precarios economicamente, a biblioteca foi adquirindo grandes proporcións tanto en cantidade como en calidade, converténdose nunha das seccións máis valoradas do Seminario Maior e Instituto Teolóxico San Xosé.
Antonio Hernández Matías (1928-2020)
O traballo e dedicación constante por parte de Antonio Hernández ao longo de máis de 50 anos, a colaboración de seminaristas, a contratación de profesionais de bibliotecas e a firma de convenios con diferentes entidades, conseguiron importantes logros como a primeira automatización do fondo bibliográfico, a incorporación do fondo antigo no Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico Español e a dixitalización do Boletín Eclesiástico do Bispado de Tui (1859-1899) grazas a un convenio coa Xunta de Galicia e o seu posterior ingreso na biblioteca dixital do patrimonio galego GALICIANA.
Destacar un evento importante sucedido no ano 2013, no que D. Antonio cun artigo titulado “Torrente en crecida. De cabo a cabo” gaña o IV Premio Larramendi “Boas prácticas bibliotecarias”. Este premio avala e recoñece a súa traxectoria profesional e persoal. A biblioteca continúa este labor co mesmo entusiasmo e dedicación, adaptándose ás novas necesidades que van xurdindo e que obrigan a desenvolver novos proxectos, vinculados na súa maioría, coa incorporación das novas tecnoloxías. Así, a biblioteca xa conta co seu propio espazo na web: http://seminariomayorvigo.com/biblioteca/ e, grazas ao convenio asinado coa Biblioteca da UPSA (2019), dispón dun catálogo automatizado que facilita o acceso ao fondo bibliográfico da biblioteca.